fondo_qs

O Centro Dramático Nacional (CDN) é a primeira unidade de produción teatral creada polo Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM), do Ministerio de Educacion, Cultura e Deporte. Desde a súa fundación, en 1978, a principal misión do CDN foi difundir e consolidar as distintas correntes e tendencias da dramaturxia contemporánea, con atención especial á autoría española actual.

Na historia do CDN poden distinguirse varias etapas, delimitadas polos cambios na dirección da institución: Adolfo Marsillach (1978-1979), o triunvirato formado por Nuria Espert, José Luis Gómez e Ramón Tamayo (1979-1981), José Luis Alonso (1981-1983), Lluís Pasqual (1983-1989), José Carlos Plaza (1989-1994), Amaya de Miguel (1994), Isabel Navarro (1994-1996), Juan Carlos Pérez de la Fuente (1996-2004), Gerardo Vera (2004-2011) e o actual director, Ernesto Caballero, dende xaneiro de 2012

Desde a súa creación, a institución ten ofrecido máis de trescentos espectáculos, entre os que cómpre salientar un panorama completo da dramaturxia española do século XX: Valle-Inclán, García Lorca, Jardiel Poncela, Max Aub, Buero Vallejo, Alfonso Sastre, Francisco Nieva, José María Rodríguez Méndez, Alonso de Santos, Fernando Arrabal, Fermín Cabal, Sanchis Sinisterra, Benet i Jornet, Adolfo Marsillach, Juan Mayorga ou Lluïsa Cunillé. Ao longo destes anos, nas súas producións participaron os máis sobranceiros directores, escenógrafos, actores, figurinistas e profesionais do país, así como sinaladas figuras da escena internacional.

O CDN dispón de dúas sedes para o desenvolvemento das súas actividades: o Teatro María Guerrero e o Teatro Valle-Inclán. A capacidade de xestión e produción da institución permítelle programar simultaneamente estes espazos estábeis e, ao tempo, exhibir as súas producións en xira, tanto en España como en escenarios internacionais.